First slide

ESTATUTOS

CAPITULO I

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

ARTIGO 1.
Constitúese no Concello de Lugo, coa denominación de Asociación de Dano Cerebral Adquirido/Sobrevido de Lugo, en anagrama ADACE-LUGO, unha asociación sen ánimo de lucro que se rexerá polos presentes estatutos, polos acordos validamente adoptados polos seus órganos directivos dentro das súas competencias e pola lexislación vixente en materia de asociacións que lle sexa aplicábel, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico.

ARTIGO 2.
O domicilio social da Asociación radicará na Rúa San Roque 119-4º-D da cidade de Lugo e provincia do mesmo nome. Pode ser trasladado a outro lugar por acordo da Xunta Directiva, que poderá decidir asimesmo empregar locais asociativos na cidade ou noutras localidades da provincia.

ARTIGO 3.
A Asociación desenvolverá as súas actividades dentro do ámbito territorial da provincia de Lugo, a súa duración será indefinida, salvo a súa disolución conforme os presentes estatutos, por algunha das causas previstas nas leis así como por sentenza xudicial firme.

ARTIGO 4.
Son fins principais da Asociación:

  1. Acollida, información, orientación e asesoramento a familiares, afectados, profesionais e entidades relacionadas co dano cerebral sobrevido.
  2. Promove-la defensa dos dereitos, a rehabilitación, integración, normalización social e a mellora da calidade de vida das persoas afectadas de dano cerebral sobrevido.
  3. Concienciar á sociedade en xeral e á Administración Pública dos problemas e necesidades que sofren as persoas con dano cerebral sobrevido e as súas familias.
  4. Promoción dos servizos sanitarios, asistenciais, educativos, laborais, residenciais, sociais e lúdicos necesarios e axeitados para cubri-las necesidades das persoas afectadas de dano cerebral sobrevido.
  5. Cooperar con outras asociacións, entidades e profesionais relacionados co dano cerebral sobrevido.
  6. Promoción de estudos epidemiolóxicos e de campañas informativas e preventivas sobre dano cerebral sobrevido.
  7. Reivindicar no nome dos afectados os dereitos destes diante das institucións públicas e privadas.
  8. h) Calquera outro que, de xeito directo ou indirecto, contribúa á realización dos obxectivos da Asociación ou redunde en beneficio dos afectados/as e da comunidade á que pertencen.
ARTIGO 5.
Para o cumprimento destes fins a Asociación poderá valerse dos seguintes medios:
  1. Crear os servizos de información, estudo, planificación, asistencia, xestión, tutela, captación de recursos e outros que as circunstancias aconsellen.
  2. Utilizar tódolos medios lícitos de propaganda e difusión para divulgar as necesidades dos afectados/as e as súas familias.
  3. Incorporarse a federacións, asociacións e organismos públicos e privados de carácter provincial, autonómico, estatal e internacional adicados en todo ou en parte a fins similares.
  4. Conseguir a colaboración persoal de voluntarios/as para a realización dos obxectivos da Asociación.
  5. Valerse de calquera medio lícito para realiza-los fins asociativos.

« Volver

Redes sociales



Miembros de:



Coa Colaboración de: