ESTATUTOS
DOS ASOCIADOS.- DEREITOS E OBRIGAS
ARTIGO 6.
Poderán ser membros da Asociación, libre e voluntariamente, as persoas físicas e as persoas xurídicas, legalmente constituídas, sexan estas públicas ou privadas, que dalgunha maneira teñan interese en servi-los fins da mesma e sexan admitidos pola Xunta Directiva, a cal poderá outorga-lo nomeamento de membro honorario ás persoas que estime oportuno, a título meramente honorífico, sen que iso leve consigo a condición xurídica de asociado.
As persoas físicas deberán ter capacidade de obrar e non estarán suxeitas a ningunha condición legal para o exercicio do dereito. Os menores non emancipados de máis de catorce anos necesitarán o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban supli-la súa capacidade.
As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán, para formar parte da asociación, o acordo expreso do seu órgano competente e as de natureza institucional o acordo do seu órgano rector.
ARTIGO 7.
Aquelas persoas que desexen pertencer á Asociación, solicitarano por escrito ó Presidente, o cal dará conta á Xunta Directiva, que resolverá sobre a admisión ou inadmisión do asociado con posibilidade de recurso perante a Asemblea Xeral.
ARTIGO 8.
Os asociados poderán solicita-la súa baixa na Asociación voluntariamente, en calquera tempo, pero isto non lles eximirá de satisface-las obrigas que teñan pendentes con ela.
ARTIGO 9.
A condición de asociado/a perderase por causa de:
- Vontade propia, comunicada por escrito á Xunta Directiva e previo aboamento de tódalas cotas que teña pendentes.
- Impagamento das cotas durante un ano.
- Incumprimento das obrigas establecidas nos presentes Estatutos.
ARTIGO 10.
A expulsión de persoas asociadas será acordada pola Xunta Directiva, previa audiencia do interesado/a. En todo caso, o acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Ordinaria e contra del pódese recorrer diante da xurisdicción ordinaria. A separación ou expulsión, así como calquera outra medida disciplinaria adoptada, será precedida de expediente no que deberá ser oído o interesado, o cal será informado dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña a sanción. Este acordo en todo caso deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral e contra a súa resolución poderase recorrer perante a xurisdicción ordinaria.
ARTIGO 11.
Establécense tres tipos de asociados/as:
- Socios numerarios: serano as persoas con plena capacidade de obrar que sexan dadas de alta na Asociación, afectadas por dano cerebral e/ou os seus familiares, ou quen ostente a representación legal ou a responsabilidade de feito dos afectados/as.
- Socios colaboradores: serano aquelas persoas físicas ou xurídicas que, non posuíndo os requisitos establecidos para ser socio numerario, contribúan ó sostemento da Asociación coas súas cotas, donativos, herdanzas, legados ou coa súa colaboración persoal.
- Socios de honra: serano as persoas físicas ou xurídicas que teñan colaborado de xeito extraordinario en beneficio do cumprimento dos fins da Asociación.
ARTIGO 12.Os socios numerarios teñen os seguintes dereitos:
- Asistir con voz e voto ás Asembleas Xerais Ordinarias e Extraordinarias que se convoquen.
- Ser electores e elixíbeis para ocupar cargos da Xunta Directiva.
- Facer uso dos bens e servizos que a Asociación estableza, con suxeición ás normas que para elo se determinen.
- Elevar propostas á Xunta Directiva e, en xeral, intervir no funcionamento e control da vida asociativa segundo as normas internas da Asociación.
- Recibir información sobre os acordos tomados polos órganos da Asociación, así como sobre o máis salientábel da actividade asociativa e do estado económico.
- Aqueles outros que sexan recollidos na lexislación vixente.
ARTIGO 13.Os socios numerarios teñen as seguintes obrigas:
- Cumpri-los presentes Estatutos, os acordos válidos das Asembleas e da Xunta Directiva e as normas internas da Asociación.
- Asistir as Asembleas Xerais.
- Desenvolve-las obrigas inherentes ó cargo que, no seu caso, ocupen.
- Satisface-las cotas que se establezan pola Asemblea.
- Aquelas outras que sexan recollidas na lexislación vixente.
ARTIGO 14.Os socios colaboradores teñen os seguintes dereitos:
- Asistir con voz e sen voto ás Asembleas que se convoquen.
- Facer uso dos bens e servizos que a Asociación estableza, con suxeición ás normas que para elo se determine.
- Elevar propostas á Xunta Directiva.
- Recibir información sobre os acordos dos órganos directivos e da actividade da Asociación.
ARTIGO 15.Os socios colaboradores teñen as seguintes obrigas:
- Cumpri-los presentes Estatutos, os acordos válidos das Asembleas e da Xunta Directiva e as normas internas da Asociación.
- Satisface-las cotas que se establezan pola Asemblea.
ARTIGO 16.Os socios de honra teñen dereito a:
- Asistir ás Asembleas con voz e sen voto
- Elevar propostas ós órganos da Asociación
- Facer uso dos bens e servizos que a Asociación estableza, con suxeición ás normas que para elo se determine.
- Recibir información sobre os acordos dos órganos directivos e da actividade da Asociación.
ARTIGO 17.Os socios de honra teñen a obriga de cumpri-los presentes Estatutos, os acordos válidos das Asembleas e da Xunta Directiva e as normas internas da Asociación.
« Volver