ESTATUTOS

CAPÍTULO III

DOS ÓRGANOS DIRECTIVOS E DA FORMA DE ADMINISTRACIÓN

RÉXIME XERAL

ARTIGO 18.
A Asociación rexerase segundo os presentes Estatutos, sempre que os seus contidos non se opoñan ás leis nin contradigan os principios contidos na Lei Orgánica 1/2002 e o seu desenvolvemento regulamentario.

ARTIGO 19.
O goberno e a representación da Asociación están a cargo dos seguintes órganos:

  1. A Asemblea Xeral, como máximo órgano colexiado de goberno da Asociación.
  2. A Xunta Directiva, como órgano colexiado en quen a Asemblea delega o goberno permanente da Asociación.
  3. Presidente/a, o vicepresidente/a, o secretario/a e o tesoureiro/a, como órganos unipersoais e con funcións de goberno e de representación determinadas polos Estatutos.

ASEMBLEA XERAL

ARTIGO 20.
A Asemblea Xeral é o órgano de expresión da vontade da Asociación; estará integrada por tódolos/as asociados/as e tomará os seus acordos polo principio maioritario ou de democracia interna.

O Presidente/a e o Secretario/a da Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva, e en calquera caso deberán ser expresamente ratificados para tal cometido ó inicio do acto.

ARTIGO 21.
A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva ou o soliciten o 10% dos/das socios/as. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó Presidente/a, autorizado coas firmas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

ARTIGO 22.
A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente dentro dos tres meses seguintes ó peche do exercicio.

Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo Presidente/a da Xunta Directiva, enviándose a notificación ó domicilio dos/das asociados/as.

Na convocatoria deben constar o lugar, data e hora da xuntanza, así como a orde do día con expresión concreta dos temas a tratar e os anexos que procedan. Tamén se sinalará a hora da segunda convocatoria, que como mínimo terá que separarse media hora da primeira convocatoria.

ARTIGO 23.
Para que as Asembleas poidan tomar acordos, integraranse polos/as asociados/as asistentes, sempre que concorran un tercio do total dos/das asociados/as con dereito a voto na primeira convocatoria ou, pasado o prazo estipulado, con calquera número de asociados/as con dereito a voto en segunda convocatoria.

ARTIGO 24.
Son competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:

  1. Aproba-la Memoria de Actividades Anual presentada pola Xunta Directiva.
    b) Aprobalo Orzamento proposto pola Xunta Directiva , así como examinar e aproba-los Balances e as Contas anuais do exercicio anterior.
  2. Fixa-las cotas ordinarias e/ou extraordinarias.
  3. Aproba-lo Regulamento de Réxime Interno da Asociación.
  4. Ratificar as medidas disciplinarias adoptadas ou a expulsión, se é o caso, dos/das socios/as, a proposta da Xunta Directiva.
  5. Nomea-los asociados/as de honra.
  6. As demais que resulten dos Estatutos e non estean expresamente atribuídas á Asemblea Xeral Extraordinaria ou á Xunta Directiva.

ARTIGO 25:
Son competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:

  1. Elixilos integrantes da Xunta Directiva.
  2. Aprobala federación con outras asociacións.
  3. Modifica-los Estatutos da Asociación.
  4. Disolve-la Asociación e designa-los liquidadores.
  5. Autoriza-lo alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
  6. Solicita-la declaración de Asociación de Utilidade Pública.
  7. Os demais asuntos, anque sexan competencia da Asemblea Xeral ordinaria, cuxa resolución non conveña demorar ata a celebración da xuntanza anual da mesma.

ARTIGO 26.
Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes cando os votos afirmativos superen ós negativos, non sendo computábeis os votos en branco nin as abstencións.

Será preciso maioría cualificada das persoas presentes, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade destas, para: a modificación de Estatutos, a disolución da Asociación , e para autoriza-lo alleamento ou disposicións de bens.

A continuación levantarase Acta dos acordos que asinará o/a Presidente/a e o/a Secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada por maioría simple.

ARTIGO 27.
Os acordos que vaian en contra destes Estatutos ou dos fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará aberta a vía para recorrer diante da xurisdicción ordinaria.

XUNTA DIRECTIVA

ARTIGO 28.
A Asociación será xestionada e representada pola Xunta Directiva formada polos cargos de: Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a, Tesoureiro/a e dous Vogais.

Tódalas persoas que compoñan a Xunta Directiva deberán ser asociados/as numerarios/as, e exerce-lo cargo de forma gratuíta.

Os cargos serán designados e revocados pola Asemblea Xeral Extraordinaria e o seu mandato terá unha duración de tres anos, podendo ser reelixidos ó final do seu mandato.

ARTIGO 29.
Os cargos da Xunta Directiva poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, por incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas e/ou por expiración do mandato. Neste último caso, continuarán nos seus cargos ata o momento no que se produza a aceptación de quenes os substitúan.

ARTIGO 30.
As vacantes que se puideran producir na Xunta Directiva cubriranse provisionalmente por designación da mesma ata que a Asemblea Xeral elixa ós novos membros ou confirme nos seus postos ós designados.

ARTIGO 31.
A Xunta Directiva reunirase con carácter ordinario alomenos unha vez cada trimestre e con carácter extraordinario cantas veces o determine o Presidente/a ou a petición de tres dos seus membros.

A convocatoria realizarase como mínimo con tres días de antelación mediante citación persoal na que se recollerá a orde do día. No caso de ausencia inxustificada de calquera membro da Xunta Directiva por tres veces consecutivas procederase á súa destitución.

A Xunta Directiva quedará constituída cando asista a metade máis un dos seus membros e para que os seus acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría de votos. No caso de empate, o voto do/a Presidente/a será de calidade.

ARTIGO 32.
As facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral, a tódolos actos propios das finalidades da Asociación, sempre que non requiran, segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral. En particular son facultades da Xunta Directiva:

  1. Dirixi-las actividades asociativas e leva-la xestión económica e administrativa da Asociación, acordando realiza-los oportunos contratos e actos.
  2. Convoca-las Asembleas Xerais e executa-los acordos nela acadados.
  3. Presentar e someter á aprobación da Asemblea Xeral o Orzamento do exercicio, así como os Balances e as Contas anuais do exercicio pechado.
  4. Presentar e someter á aprobación da Asemblea Xeral a Memoria Anual de Actividades.
  5. Resolver sobre a admisión de novos asociados e propoñer á Asemblea a expulsión de aqueles que deran motivo a elo.
  6. Crear Comisións de traballo co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades ou recadar das mesmas as informacións necesarias. Ó cargo destas Comisións designarase a un membro da Xunta Directiva.
  7. Nomear delegados para determinadas actividades da Asociación.
  8. Cumprir e facer cumprir os Estatutos e outras normas das que se dote lexitimamente a Asociación.
  9. A Xunta Directiva será competente para interpreta-los preceptos contidos nos estatutos e reservarase o dereito de decisión sobre situacións non contempladas neles, sempre que non sexan incompatíbeis coas xa existentes e demais disposicións regulamentarias que as desenvolvan.
  10. Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da Asemblea Xeral de socios.

ÓRGANOS UNIPERSOAIS

ARTIGO 33.
O/A Presidente/a terá as seguintes atribucións:

  1. Ostenta-la representación da Asociación ante toda clase de organismos públicos ou privados, velar polo cumprimento dos seus fins e o cumprimento das súas normas, e coordina-los traballos da Xunta Directiva.
  2. Convocar, presidir e levanta-las sesións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, así como dirixi-las deliberacións que nelas se produzan.
  3. Ordenar pagos e autorizar coa súa sinatura os documentos, actas, certificacións e correspondencia.
  4. Adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da Asociación aconselle e no desenvolvemento das súas actividades resulte necesaria ou conveniente, sen prexuízo de dar conta da decisión canto antes á Xunta Directiva .

ARTIGO 34.
O/A Vicepresidente/a asumirá as funcións que nelas delegue o/a Presidente/a, substituíndoo en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

ARTIGO 35.
O/A Secretario/a terá as seguintes atribucións:

  1. Ostenta-la dirección dos traballos administrativos da Asociación.
  2. Custodiar e leva-los libros de actas e de rexistro de socios/as, documentos e selos da asociación.
  3. Estende-las convocatorias e as actas das reunións ademais de expedir certificacións das mesmas co visto e prace do/a Presidente/a.
  4. Comunicación sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribíbeis ós Rexistros correspondentes, así como a presentación das contas anuais e o cumprimento das obrigas documentais nos termos que legalmente correspondan.

ARTIGO 36.
O/A Tesoureiro/a terá as seguintes atribucións:

  1. Ostenta-la dirección dos traballos de xestión económica da Asociación.
  2. Custodiar e leva-los libros de contabilidade e os inventarios, así como tódolos documentos económicos necesarios para a elaboración das contas e balances.
  3. Prepara-los Orzamentos, as Contas anuais e os Balances para a súa presentación diante da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.
  4. Recadar e custodia-los fondos pertencentes á Asociación.
  5. Dar cumprimento ás ordes de pagamento que expida o/a Presidente/a.

ARTIGO 37.
Os Vogais terán as obrigas propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva, así coma as que nazan das delegacións ou comisións de traballo que a propia Xunta lles encomende. Deberán substituí-los membros da Xunta Directiva ata que se realice a elección para cubri-las vacantes.

ELECCIÓN DA XUNTA DIRECTIVA

ARTIGO 38.
Os/as candidatos/as a formar parte da Xunta Directiva serán propostos, de entre os socios/as numerarios/as, pola propia Xunta Directiva saínte ou polos socios numerarios e colaboradores.

As propostas de candidatos/as por parte da Xunta Directiva serán comunicadas ós/ás asociados/as xunto coa convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria que deberá decidi-la súa elección. As candidaturas dos socios numerarios e colaboradores presentaranse á Xunta Directiva cunha semana, polo menos, de antelación á data de celebración da Asemblea.

Para ser candidato/a será precisa unha antigüidade mínima de tres meses como asociado/a con referencia á data de celebración da Asemblea Xeral Extraordinaria. O procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva no marco da Asemblea Xeral Extraordinaria deberá garanti-lo dereito dos/as asociados/as a un exercicio do voto libre, persoal e secreto.

« Volver

Miembros de:


Coa Colaboración de: